PROXECTO INTERCENTROS - TES UNHA CARTA
No noso centro puxemos en marcha o
proxecto intercentros “Tes unha carta”, unha
enriquecedora experiencia de intercambio de correspondencia entre o noso
alumnado de 2° ciclo de E.P. e o de CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), co obxectivo de favorecer a comunicación escrita, o coñecemento do contorno próximo e o respecto polas tradicións culturais. O alumnado compartiu como se celebran datas sinaladas nas súas respectivas localidades, promovendo unha aprendizaxe significativa baseada na experiencia e na identidade cultural. Neste curso foi a temática do Entroido, unha festividade fondamente arraigada en ámbalas zonas de Galicia, aínda que con manifestacións propias e
singulares.
Dende o primeiro momento, o entusiasmo foi protagonista, o alumnado elaborou con ilusión unha carta dirixida aos compañeiros e compañeiras doutro centro, explicando cómo se celebra o Entroido na súa localidade (disfraces típicos, desfiles, actividades do centro, comidas tradicionais, participación familiar, etc.). Nas misivas desenvolveron non só as súas habilidades lingüísticas, tamén a súa creatividade, empatía e interese por coñecer outras costumes. Ademáis, este proxecto contribuíu a reforzar valores como o respecto, a curiosidade e a comunicación, así como a mellorar a competencia en expresión escrita dun xeito significativo e motivador.
A chegada das respostas foi un
momento máxico: abrir cada sobre, descubrir novas historias, comparar
experiencias e atopar similitudes e diferenzas na forma de celebrar, abriu unha
auténtica fiestra cultural, que permitiu ao alumnado viaxar coa imaxinación sen
saír da aula.
E se ademais, un dos nosos
compañeiros do intercambio, asiste á nosa festa de fin de curso e poñémoslle
cara a quen ata entón fora só unha carta e desfrutar xuntos de risos, xogos e
recordos, a emoción sobe de nivel. Foi un momento moi especia!.
Sen dúbida, unha experiencia moi
positiva que manteremos viva o vindeiro curso con novas temáticas.
Comentarios
Publicar un comentario